O músico e investigador Xurxo Fernandes aúna en Levaino! as dúas vertentes creativas que conforman a súa traxectoria. Por unha banda, a do recoñecido etnógrafo da música de tradición oral galega, da que beben proxectos artísticos como Radio Cos. Pola outra, a do entusiasta intérprete da música urbana dos xudeus do Imperio Otomano, eixe vertebrador do seu sorprendente Jako el Muzikante. Levaino! é a representación desa dualidade que comprende Xurxo Fernandes. É un revelador xogo de espellos no que Galicia e Oriente se reflicten e que, por vez primeira, o artista amosa nun suxerente traballo discográfico. O álbum Levaino! achega unha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva, na que os sons máis arcaicos dunha Galicia primitiva mistúranse co exotismo das terras orientais. Trátase dunha proposta exquisita, dotada dunha sonoridade peculiar e repleta de virtuosidade que Xurxo Fernandes completa cunha voz cálida, potente e chea de matices e expresividade. A tradición oral galega, acompañada dun instrumento representativo desta como é a pandeireta, é a base e o punto de encontro de creacións sonoras que se nutren doutras tradicións, acompañados de arranxos singulares e dunha instrumentación moderna que se introduce dun xeito natural. O álbum contén doce temas recollidos polo propio artista en territorios tan diversos como son Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. Con eles, Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas, que comezan no Mediterráneo Oriental e que rematan en Galicia, que explicitan e manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais. Sonoridades que, se cabe, resultan moito máis próximas do que semellan no inicio. Tanto no disco coma no directo, Xurxo Fernandes acompañáse dunha banda que leva ao público a participar dunha suxerente viaxe entre Galicia e o mundo oriental. Da man de Pedro Lamas, Rubén Montes, Rafa Morales e Roberto Comesaña, Fernandes propón un universo sonoro vibrante que se nutre tamén da enerxía e voces das tocadoras e cantareiras de Pandeireteiras sen Fronteiros (PAN.SEN.FRON).