Biografía

Xurxo fernandes

Creador e artista coruñés cunha extensa traxectoria no ámbito da etnografía e das músicas de raíz. Como intérprete é unha das voces máis singulares do panorama actual, capaz de innovar minuciosamente desde a tradición grazas ao seu vasto coñecemento do eido da creación popular colectiva.

Aos 14 anos e motivado pola avoa dun amigo, Xurxo comeza unha viaxe polos lugares de Galicia para coñecer ás mulleres transmisoras da sabedoría popular. Esta inmersión no rural do noroeste da Península fará que o artista atope un mundo a piques de desaparecer: unha rica tradición de percusión de man e de voz, aínda dirixida pola última xeración de persoas que medraron sen o influxo dos medios de comunicación de masas. As pandeireteiras, mulleres do rural e principais impulsoras da música de creación coelectiva galega, son a fonte da que bebeu Xurxo para se converter no artista que é hoxe.

Esta investigación etnográfica, que comeza a principios dos noventa, manteráse ata dúas décadas depois e vai dende Galicia ata os antigos países do Imperio Otomán: Grecia, Turquía, Bulgaria, Israel… Un traballo de campo que Xurxo dirixe en paralelo nestes dous mundos e que lle otorga unha amplia cosmovisión tanto da tradición galega como da oriental sefardí. Tanto é así que hoxe en día Xurxo é o único artista da súa xeración capaz de falar e escribir en ladino, lingua da comunidade sefardí que habitou a Península Ibérica ata 1492. De xeito paralelo, imparte aulas de canto e de baile tradicional e se especializa en Música Tradicional Galega pola Universidade de Santiago de Compostela.

Como músico e intérprete, crea e forma parte de Radio Cos, proxecto musical co que publica dous discos -Sete cuncas (2013) e Pasasatempo (2017). Coa banda, Fernandes ofrece concertos en escenarios de Reino Unido, Francia, Bélxica, República Checa, Polonia, Alemaña ou Malasia, entre outros países. Paralelamente, dirixe o grupo Bouba Pandeireteiras, aportando o repertorio completo do seu primeiro disco, e Os Fillos de Pepa a Loba. Nesta última década Xurxo Fernandes dirixe outro proxecto musical colectivo, Pandeireteiras Sen Fronteiros (PAN.SEN.FRON.), unha proposta nada na Coruña coa finalidade de expandir e irmandar os ritmos e as percusións galegas coas tradicións e sonoridades tradicionais de países como Romanía, India, Marrocos ou Italia, entre outros destinos. Tamén no 2019, desta quenda acompañado por Pedro Lamas, o dúo lanza un EP nomeado Altalaplana, no que achegan a súa versión de pezas tradicionais. Mais no ámbito internacional Xurxo Fernandes é recoñecido polo seu sorprendente proxecto Jako el Muzikante, que rescata o ambiente dos cafés amán propios dos anos vinte do século XX.

Xurxo Fernandes é unha figura de referencia no panorama das músicas de raíz de Galicia, a nivel etnográfico e artístico, que na actualidade continúa co seu labor de investigación e divulgación. Isto fai que sexa capaz de innovar no eido da música tradicional a través das súas propostas artísticas coma nos nomeados proxectos; Radios Cos, Pandeireteiras Sen Fronteiros, Jako el Muzikante e agora na súa última proposta en solitario na que aúna as súas dúas facianas máis representativas, a galega e a oriental: Levaino! (2021).